Thursday 16 de May de 2024

Os concellos da Coruña terán ata o ano 2027 para devolver as achegas do PAI, dotado con 25 millóns


O pleno aprobou tamén o orzamento para o ano que vén, o primeiro con débeda cero e que suma máis de 171,3 millóns de euros

A Deputación da Coruña aprobou na sesión plenaria as bases reguladoras do novo Plan de Aforro e Investimentos (PAI) 2015, que formará parte do orzamento para o ano que vén.

Este programa, dotado con 25 millóns de euros, nace para a concesión de créditos a interese cero para os 93 concellos da provincia cun prazo de devolución de 10 anos e dous de carencia. É dicir, que os municipios contarán ata o ano 2027 para a devolución destas achegas.

O portavoz do goberno provincial, Manuel Ruíz Rivas, explicou durante a sesión plenaria que cada concello poderá destinar o importe do PAI tanto á redución do seu nivel de endebedamento como á realización de investimentos financeiramente sostibles, en función do seu déficit orzamentario. É dicir, un concello cunha porcentaxe do 10% de débeda deberá destinar esa mesma porcentaxe do PAI á reducir a súa carga financeira: “Axudamos así a que outros concellos poidan facer o mesmo que fixo a Deputación e destinar a inversión os seus recursos”.

Segundo explicou Ruíz Rivas, a Deputación da Coruña volve demostrar, coa creación deste plan, o seu compromiso cos concellos da provincia, xa que utiliza criterios de reparto obxectivos para poñer á disposición dos 93 municipios “preto de 70 millóns de euros do orzamento provincial”.

Ademais, o presidente da Deputación adiantou que as bases do PAI serán enviadas aos concellos para que as coñezan e a institución provincial realizará unha labor de asesoramento para axudar aos gobernos locais á hora de solicitar as súas achegas.

Tamén durante a sesión plenaria deuse luz verde ao orzamento para o ano 2015, cun montante total de 171.334.000 euros e que reflicte un crecemento do 9% respecto ao aprobado o ano pasado. O titular provincial, Diego Calvo, salientou a importancia dun orzamento “que crece, que recupera os niveis de investimento do ano 2011 e o primeiro que se elabora sen débeda, o que nos permite destinar máis partida ás necesidades dos nosos concellos e, sobre todo, das persoas que viven neles”.

“Este é o último orzamento deste mandato e creo que é a miña responsabilidade democrática facer balance, e teño que dicir que non só mantivemos un mandato sen recorrer a operacións crediticias, senón que cancelamos totalmente a nosa débeda”, explicou Calvo.

Pola súa banda, o portavoz do grupo popular, Ruíz Rivas censurou aos partidos na oposición por “esgrimir os mesmos argumentos” que no último exercicio (o BNG votou en contra e o PSOE abstívose a pesar de eloxiar a xestión económica do goberno provincial) para criticar os orzamentos, aínda que estes cambiaron de cara ao 2015 porque, dixo, “son uns presupostos feitos desde a responsabilidade e a ilusión porque o descontento non pode ser o programa nin a base de ningún proxecto político”, afirmou.

Novos mecanismos de control
Outra novidade que incluirá o presuposto está na aprobación de novos mecanismos de control nas bases de execución do orzamento. Así, para a concesión de subvencións provinciais teranse en conta cuestións como o número de socios de cada entidade. Tamén se creará unha comisión avaliadora da que formarán parte todos os grupos políticos e técnicos provinciais.

No caso dos contratos menores, a Deputación da Coruña publicará os pregos no perfil do contratante da páxina web e contactará con máis de cinco empresas cando o número mínimo establecido é de tres. Nas mesas de contratación, os representantes dos grupos da oposición contarán con voz e voto na toma de decisións. No que respecta ás obras que realiza a Deputación, refórzase o control da calidade a través de mecanismos de inspección por parte dos técnicos provinciais.

Declaracións institucionais
O pleno da Deputación comezou coa lectura conxunta, por parte de deputadas do PP, PSOE e BNG, dun manifesto contra a violencia de xénero que rematou cun minuto de silencio polas vítimas. Doutra banda, tamén se deu lectura a outra declaración institucional en defensa da arte da pesca do xeito na provincia.